Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Praza dos Libros de Carballo arrinca como a...

VERÁN CULTURAL 2008

A Praza dos Libros de Carballo arrinca como a festa da palabra, da literatura e da música

Xoves 21 de agosto do 2008

A esta cita coas letras tamén acudiron o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luis Bará, a delegada provincial da Consellería de Cultura, Milagros Lantes, o Alcalde en funcións, José Antonio Viña, e boa parte dos concelleiros e concelleiras de Carballo para apoiar coa súa presenza esta Praza dos Libros. Luis Bará, ademais, falou para subliñar o labor do Concello de Carballo "que ademais de apostar polas infraestruturas materiais aposta tamén por outras que teñen que ver coa cultura". Rematou pedindo aos carballeses e carballesas que participen da festa e a que sigan "alimentando o mundo das letras galegas coa lectura diaria".

O Alcalde accidental, José Antonio Viña, quixo comezar tendo unha lembranza para os familiares dos falecidos no tráxico accidente de avión producido en Barajas, e loubou a boa saúde coa que goza a produción literaria en Carballo e na Costa da Morte. Fixo un repaso polos tempos nos que os libros eran un ben escaso e rexeitou os argumentos actuais que aseguran que o libro vai desaparecer, invitando á práctica da lectura.

Para rematar, Lino Braxe e Miguel Ladrón de Guevara protagonizaron o pregón, no que reflexionaron sobre mensaxes como que "o paso pola vida é relativo"; ou que "só que alguén recorde un verso meu, é moito". Aínda que unha das mensaxes máis recurrentes de Braxe foi que "todo o que teño é literatura". Dela, e do mundo dos libros, poderán desfrutar todos os veciños e veciñas durante os próximos catro días.

Compartir: