Inicio Carballo ao día Hemeroteca O repertorio mariñeiro de Nordestin@s e a...

PRAZA DOS LIBROS

O repertorio mariñeiro de Nordestin@s e a música de raíz de Brath protagonizan os concertos da fin de semana

Venres 22 de agosto do 2008

Neste concerto, os autores achéganse á súa infancia, á música popular que lle transmitiron os seus pais: cancións populares dos 70, habaneiras, cancións mariñeiras, cancións de taberna. Todo elo baixo a nova visión de Pedreira, Galego e Rábade. Un piano de cola, dúas mulleres con medias de rede e unha escollera constitúen a escenografía, artellada polo artista mindoniense Caxigueiro. A pasión de Nordestin@s mestúrase co jazz de Abe dun xeito espontáneo e natural, deixando unha orixinal proposta.

Pero a oferta musical da fin de semana non se queda en Nordestin@s, xa que o domingo 24 chegan as notas de Brath, grupo que volta a Carballo despois de verse obrigado a suspender o pasado 10 de agosto un concerto por causa da choiva. A música de raíz e o rock progresivo son algunhas das influencias desta agrupación que leva máis de vintesete anos de carreira e que presenta na Praza do Concello o seu último traballo, ‘Ás portas de Lug’.

A partir das 22.00 horas, Brath tentará transportar ao público carballés a través da historia, a música e a mitoloxía galegas cos característicos sons incluídos no seu último álbum, pero tamén retrocedendo ata ‘O latexo de fogo’, a súa anterior proposta, facendo unha retrospectiva pola súa dilatada traxectoria. As actuacións de Nordestin@s e Brath están incluídas no programa da Praza dos Libros do Concello de Carballo. En concreto, o concerto de Brath tamén está patrocinado por Caixanova. A entrada para ámbalas dúas actuacións é de balde.

Compartir: