Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno local emprende a renovación dos...

MANTEMENTO

O Goberno local emprende a renovación dos parques de xogos infantís do municipio

Luns 25 de agosto do 2008

O proxecto implica a substitución da práctica totalidade dos xogos existentes, que no caso do Parque do Anllóns poden chegar aos dez anos de antigüidade, e no caso do Xardín Municipal a cinco. Sen embargo, o elevado número de usuarios destas instalacións supón un notable desgaste, de aí a necesidade de emprender unha renovación. Dende a Concellaría de Obras e Servizos explican que teñen realizado unha selección de equipos lúdicos adaptados á normativa e ás idades dos nenos e nenas que os van empregar. A distribución dos novos aparellos sobre o caucho realizarase en función da distancia de seguridade aconsellada. Ademais, tamén está previsto emprender melloras no parque da Milagrosa, aínda que neste caso procederase tan só á substitución de dous dos xogos.

Por outra banda, no pleno do pasado mes de xullo o remanente de tesourería permitiu a incorporación de 15.000 novos euros para a partida do orzamento de 2008 destinada a parques infantís, polo que esta nova inxección permitirá melloras en parques de lugares como Ardaña ou Vilela. Neste último caso, tamén está prevista a construción dunha segunda área de xogos. Así mesmo, o crecemento urbanístico da capital municipal tamén implica a creación de novos parques infantís, como ocorrerá no ámbito do polígono 26, situado no entorno da rúa Perú e que nestes momentos está en proceso de desenvolvemento.

Compartir: