Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Merca-do-bo' chega ao Feirón de...

CARBALLO SAUDABLE

'Merca-do-bo' chega ao Feirón de Verán para amosar os beneficios dos produtos frescos e da dieta atlántica

Xoves 28 de agosto do 2008

A actividade tamén ten como obxectivo global promover un cambio nos hábitos alimenticios e de actividade física da poboación: frear o sobrepeso, incrementar a práctica do exercicio físico e fomentar unha alimentación saudable. Téntase, así mesmo, favorecer a interacción do comerciante co cliente como un elemento activo na consecución deste obxectivo.

As actividades de 'Merca-do-bo' desenvolveranse nun stand no que os veciños e veciñas poderán, de xeito sinxelo, empregar un kit de valoración da forma física ao que poden acudir todas as persoas que o desexen, a partir dos oito anos e que non teñan problemas médicos que contraindiquen a realización das probas. Unha vez dentro, os profesionais medirán o seu índice de masa corporal e a proporción e distribución da graxa do corpo, a flexibilidade, a forza muscular, e o equilibrio, entre outros.

Por outra banda, haberá obradoiros para nenos e xóvenes sobre alimentación saudable. Ao rematar, os usuarios recibirán recomendacións por parte dos profesionais, tanto sobre a actividade física que poden realizar, como sobre a dieta a manter, cada participante en función dos resultados obtidos durante as probas. O Concello de Carballo pretende promover con 'Merca-do-bo' as actividades incluídas en 'Carballo Saudable' para facilitar a adopción de hábitos cara a unha vida sa.

Compartir: