Inicio Carballo ao día Hemeroteca O folclore carballés centra a...

PECHE DO VERÁN CULTURAL 2008

O folclore carballés centra a celebración dun Festival de Música e Baile Tradicional na Praza do Concello

Venres 29 de agosto do 2008

Dende a danza contemporánea da man do Centro Coreográfico Galego, ata a música tradicional dalgunhas das formacións máis importantes de Galicia como o grupo de danzas e de música tradicional O Fiadeiro, Cristina Pato e Rosa Cedrón, o grupo Brath ou Nordestin@s. Neste repaso polo Verán Cultural 2008, tampouco hai que esquecer a maxia, chegada da man de Chrystyan Magic e da recoñecida compañía Lipan and Company. Non faltaron, por suposto, os espectáculos dirixidos ao máis pequenos con contacontos (Conta e Canta), danza (As Dríadas) ou os monicreques (Tres Globos). A exitosa segunda edición do Festival Sereas e Piratas, exposicións, cine ao aire libre e a recén rematada Praza dos Libros, tamén conformaron un verán con ofertas para todos os públicos e idades.

No peche de hoxe -29 de agosto- estará a Banda de Gaitas Municipal de Carballo, dirixida por Jesús Moreira, que será a encargada de abrir o espectáculo cunha selección de pezas tradicionais do repertorio galego. A continuación, actuarán os grupos da Asociación Cultural Arume de Verdillo -entre os que están as agrupacións Bilitroque e Seara- dirixidos por Miro Regueira; e os grupos de baile e música da Asociación Cultural Nemeth de Carballo, dirixidos por Alex Ínsua e Pedro Luís Fernández. Durante o espectáculo, os veciños e veciñas terán a oportunidade de admirar o traballo de recuperación e investigación que levan a cabo estas agrupacións no terreo da música e danza tradicionais. Coas súas mellores composicións, esta gala tamén recupera o máis xenuíno do folclore de Bergantiños para pechar dous meses de diversión e actividades.

Compartir: