Inicio Carballo ao día Hemeroteca Doce equipos disputan o 'V Torneo...

DEPORTES

Doce equipos disputan o 'V Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo'

Martes 2 de setembro do 2008

Os obxectivos deste torneo -que se celebrará entre os pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero- son promover a actividade física e deportiva, potenciar o deporte de base ou favorecer o intercambio de novas experiencias entre os diferentes equipos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e Fernando Vázquez, adestrador das Escolas de Balonmán Xiria -coorganizadoras desta cita co Concello de Carballo- presentaron esta cita que serve para favorecer a continuidade "dos éxitos deportivos das categorías inferiores" e a "convivencia que se establece entre todos os participantes", en verbas do Alcalde. De feito, todos compartirán leito e comida nas instalacións do CEIP Fogar da capital municipal.

Acádase deste xeito un torneo que se vai consolidando e que "xa ten o seu espazo no calendario e ao que van vindo equipos de moitísimo nivel", segundo subliñou Marcos Trigo. Á súa vez, Fernando Vázquez quixo resaltar a laboriosidade da organización dunha cita deste tipo, e quixo agradecer a axuda dos patrocinadores no desenvolvemento do torneo. O Alcalde desexou que esta competición sirva para "impulsar o nivel competitivo, xa de por si alto, das Escolas de Balonmán Xiria", mentres que Vázquez rematou anunciando que nestes momentos xa se está xestionando a presencia o ano que vén dun club como o Barcelona, "o que podería ser un importante punto de inflexión para o torneo".

Compartir: