Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os obradoiros de ‘Ciencia divertida’ conciencian...

MEDIO AMBIENTE

Os obradoiros de ‘Ciencia divertida’ conciencian aos veciños e veciñas de Carballo do coidado da natureza e da loita pola sustentabilidade

Xoves 4 de setembro do 2008

Os circuítos celebraranse cada sábado dende o 6 de setembro ata o 4 de outubro en cinco sesións nas que os veciños e veciñas poderán relacionarse coa protección do medio ambiente por un espazo aproximado de tres horas. En previsión de posibles traizóns climatolóxicas, haberá un espazo cuberto habilitado para poder continuar coas actividades en caso de choiva. Estes circuítos compleméntanse coa celebración de varios obradoiros na Ludoteca municipal, que terán lugar a semana entre o venres 19 e o venres 26 de setembro de 17.00 a 18.30 horas. As temáticas destes obradoiros céntranse no coidado da terra, na mobilidade sostible, na ecoloxía, no efecto invernadoiro ou na reciclaxe.

Esta iniciativa, incluída dentro do programa Carballo Limpo, está financiada polo Concello carballés e pola Consellería de Medio Ambiente -a través das axudas para o desenvolvemento de actividades de educación para a sustentabilidade-, e ten un custo aproximado de 6.500 euros. Os obradoiros e circuítos están deseñados para favorecer a motivación, o traballo en equipo e a integración dos participantes, e pretenden -en clave divertida e interactiva- axudar aos veciños a entender mellor os fundamentos científicos da sustentabilidade e a responsabilidade de cada quen no coidado do medio ambiente.

Compartir: