Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa Concilia e ‘Carballo Saudable’...

ALMORZOS SAUDABLES

O programa Concilia e ‘Carballo Saudable’ únense para favorecer a alimentación equilibrada entre os máis cativos

Venres 5 de setembro do 2008

O xoves 4 de setembro os usuarios e usuarias do Concilia -no que ata o de agora están apuntados 73 nenos e nenas- acudiron ao Pazo da Cultura para recibir información sobre os mecanismos do programa e sobre as claves nutricionais dos rapaces, pero ademais, as novas propostas alimenticias serán expostas semanalmente aos pais e nais inscritos no Concilia. Así mesmo, haberá intervencións periódicas por parte do dietista do programa ‘Carballo Saudable’ -Manuel Casal Garrido-, que levará a cabo obradoiros prácticos e periódicos dirixidos aos pais e nais onde poderán afondar no coñecemento dos valores nutricionais da alimentación diaria.

Polo de agora, Manuel Casal xa desvelou o xoves algunhas das claves para unha alimentación sa. Así, subliñou que cun bo almorzo os nenos e nenas aprenden máis rápido e mellor, ademais de que están máis predispostos para a realización da actividade física. Este nutricionista desvelou que o almorzo debe contar alomenos con tres grupos distintos de alimentos, como son os lácteos, os cereais e a froita, sempre fuxindo das graxas e dos bolos industriais o máis posible. Así mesmo, subliñou que dende o Concilia tamén se irán incluíndo almorzos menos tradicionais, pero igual de nutritivos, con alimentos como os froitos secos, o mel, o pan con aceite e tomate ou os zumes vexetais. En todo caso, deixou clara unha máxima: "O neno que non almorza é o que está máis cansado e o que aprende menos".

Compartir: