Inicio Carballo ao día Hemeroteca A educación maternal, a hixiene postural...

CARBALLO SAUDABLE

A educación maternal, a hixiene postural ou o benestar sexual e afectivo son algunhas das claves das ‘Xornadas de Saúde para Mulleres’

Venres 5 de setembro do 2008

Así, un ‘Curso de hábitos saudables’ aglutinará una serie de charlas que tentarán mellorar varios aspectos relacionados directamente coa actividade da muller. A través da alimentación saudable farase fincapé na dieta atlántica e sobre todo na realización dunha compra racional; cunha charla sobre saúde no fogar concienciarase ás mulleres sobre a necesidade de coidar o corpo en cada tarefa; e a saúde mental e tamén a sexual e afectiva estarán presentes para axudar ás mulleres a "desfrutar da súa vida e do seu corpo", segundo subliña a Concelleira de Sanidade e Igualdade, Lourdes Rey, que presentou a iniciativa xunto co Alcalde, Evencio Ferrero, e a Directora do CIM, Nieves Castañón.

A estas charlas uniranse un ‘Curso de hixiene postural’ e un ‘Curso de educación maternal’. Este último é un cursiño no que colaborarán as matronas do Centro de Saúde carballés e que pretende preparar ás nais para o pre parto e o post parto. Hai que resaltar que todos os obradoiros contan coa axuda da Cruz Vermella de Carballo e que na maioría deles xa hai moitas mulleres inscritas e interesadas no desenvolvemento das iniciativas. Así mesmo, as xornadas tamén se estenderán cara ao medio rural, chegando ata Sofán, Cances e Razo durante o mes de outubro. Todas as actividades son gratuítas e no caso dos cursiños dividiranse en grupos de 12 persoas. As inscricións poden formalizarse no Centro de Información á Muller (CIM) de 9.00 a 14.00 horas.

Esta primeira edición das ‘Xornadas de Saúde para Mulleres’ forma parte da "preocupación de seguir difundindo entre a poboación novos hábitos de alimentación e de saúde", en verbas do Alcalde, e supón tamén unha iniciativa completamente nova que xa está tendo moita aceptación. Por último, Evencio Ferrero resaltou a necesidade de cubrir así "un espazo de atención ao mundo feminino" e a obriga da administración de "atender as demandas das mulleres".

Compartir: