Inicio Carballo ao día Hemeroteca O lema ‘Camiña pola túa...

CARBALLO SAUDABLE

O lema ‘Camiña pola túa saúde’ preside o programa de rutas de sendeirismo ‘Pasiño a pasiño’

Mércores 10 de setembro do 2008

As andainas serán de dous tipos: curtas e longas. No primeiro caso serán rutas polo entorno do casco urbano e do río Anllóns e contarán cun apartado formativo en nocións básicas sobre indumentaria, actividades físicas e alimentación. No segundo, os primeiros e terceiros domingos de mes pola mañá organizarase unha camiñata dunhas tres horas. Haberá saída en autobús dende a Praza do Concello a partir das 9.30 horas e o retorno a Carballo será sobre as dúas da tarde. A primeira das rutas programadas será o domingo 21 de setembro, e consistirá nun percorrido polo litoral do municipio carballés, dende Leira ata Santa Mariña, facendo paradas nalgúns puntos de interese paisaxístico, cultural ou natural. As citas inclúen o subministro aos participantes de avituallamento saudable axeitado para afrontar a ruta a base de froita e auga.

Ademais deste programa, está previsto poñer en marcha a diario un préstamo de podómetros para a realización de rutas curtas no entorno do casco urbano co obxectivo de que os usuarios saiban o número de pasos diarios que realizan, pois parece que existe una relación clara entre camiñar 10.000 pasos diarios e un estado de condición física saudable. As inscricións para as rutas -tanto curtas como longas- poderán realizarse no Concello de Carballo ou no Padroado Deportivo Municipal, e serán gratuítas. Ademais, dende ‘Carballo Saudable’ explican que está previsto contar con monitores suficientes (aproximadamente 1 por cada 10 participantes) para respectar os ritmos de camiñata de cada usuario.

O Concello de Carballo pretende iniciar con este programa unha serie de servizos encamiñados a cubrir as necesidades da gran cantidade de carballeses que practican o sendeirismo de maneira habitual, así como fomentar o camiñar como un hábito saudable de ocio activo.

Compartir: