Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pub-rock, o pop máis refinado ou os sons...

XUVENTUDE

O pub-rock, o pop máis refinado ou os sons de garaxe conforman a oferta da décimo primeira edición do Xiria Pop

Xoves 11 de setembro do 2008

A oferta é variada, agrupando, por exemplo, os sons de garaxe dos alemáns The Cheeks coa presenza dun pop máis refinado representado por Ben Vaughn, que nas últimas décadas ten orientado a súa carreira á producción e á composición de bandas sonoras televisivas. Sons chegados dende Cataluña, Murcia, Reino Unido, Alemaña ou Ferrol para "a culminación dun novo ciclo de música en Carballo", que comezou co Rockin en San Xoán, seguiu co festival Sereas e Piratas no mes de xullo e remata en setembro co Xiria Pop. Así o subliñou o alcalde carballés, Evencio Ferrero, que presentou a iniciativa co Deputado Provincial Xoán Sande, co Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo, e cun dos organizadores da cita, Xabier Graña. Trigo quixo destacar o cartel de luxo para unha proposta "interesante e difícil de ver". O prezo das entradas é de 10 euros cada día, ou de 15 euros cun bono para todo o festival.

A parte da oferta puramente musical, o Xiria Pop tamén aposta polas exposicións. O andar superior do Pazo da Cultura acollerá entre o 18 de setembro e o 10 de outubro unha mostra dos artistas barceloneses Mark Argenter e Valentín Morato, que contará con 17 teas de gran beleza. A cafetería Valle Inclán tamén propón unha mostra dos carteis de todas as edicións do Felipop, un festival "familiar e cercano ao Xiria Pop", en palabras de Xabier Graña, que se celebra cada ano en Limodre (Fene). Para abrir boca, este venres 12 de setembro o pub ‘A Reserva’ inaugura o Xiria Pop co concerto gratuíto do grupo hispano arxentino Cápsula. Será a partir das 23.00 horas. Despois, boa música e inesquecibles concertos na fin de semana do 19 e 20 de setembro en Carballo.

Compartir: