Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan os traballos para a instalación...

TRÁFICO

Comezan os traballos para a instalación de pasos de peóns elevados no casco urbano carballés

Mércores 17 de setembro do 2008

Os pasos de peóns elevados situaranse, en concreto, á altura da entrada principal do Centro Comercial Bergantiños-Haley (na imaxe); no paso que está situado á altura da praza da Cruz Vermella; e por último, nos accesos do CEIP A Cristina. Mentres duren as obras, os traballos desenvolveranse primeiro nun dos carrís para deixar fraguar o cemento e para obstaculizar o menos posible o curso da circulación dos vehículos, para posteriormente completarse os pasos coa colocación da outra metade.

Con esta medida, a Concellaría de Tráfico que dirixe Benedito Viña pretende reducir o risco de atropelos neste entorno, favorecendo a seguridade dos peóns e logrando que os condutores reduzan considerablemente a velocidade ao seu paso por esta arteria do casco urbano. Trátase dunha vía especialmente concorrida polos veciños e veciñas non só no entorno do colexio A Cristina -sobre todo ás horas de recollida dos nenos e nenas-, senón tamén nunha zona de xestións administrativas con oficinas como as do INEM ou da Seguridade Social, ou nunha área comercial coma o Haley.

Compartir: