Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta concede 49.000 euros en axudas á...

SUBVENCIÓNS

A Xunta concede 49.000 euros en axudas á Concellaría de Emigración para o desenvolvemento de actividades ao longo de 2008

Xoves 18 de setembro do 2008

A Concelleira de Emigración, Lourdes Rey, amosou a súa satisfacción pola concesión destas cantidades, que supoñen un incremento de 12.000 euros sobre a cifra obtida o ano pasado para o desenvolvemento de actividades e programas. Os cartos destinaranse para fins moi diversos, que van dende axudas para as necesidades básicas deste colectivo, ata a financiación dun servizo de canguraxe para mulleres inmigrantes. Tamén está prevista a realización de varios cursiños para fomentar a formación e o emprego, con algunhas das iniciativas xa en marcha encamiñadas, sobre todo, á inserción laboral das mulleres inmigrantes.

Así mesmo, estas subvencións permitirán introducir algunhas novidades na natureza dos cursiños, e tamén irán destinadas á celebración dun ciclo de ponencias sobre a problemática da emigración. Lourdes Rey tamén quixo subliñar a importancia de que se reforcen as axudas e de que se poidan ir aumentando pouco a pouco os programas dedicados aos inmigrantes co desenvolvemento dunha maior cobertura. Os interesados, poden consultar a resolución que ratifica as subvencións no DOG.

Compartir: