Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello expón na Consellería de...

ENTREVISTA EN SANTIAGO

O Concello expón na Consellería de Educación as principais necesidades dos centros escolares do municipio

Mércores 24 de setembro do 2008

Evencio Ferrero informou de que para o ano que vén o incremento de novos alumnos e alumnas nos centro educativos podería ser superior aos 270, polo que os problemas chegarían a multiplicarse. Así mesmo, tanto o Alcalde como Mar Eirís fixeron fincapé na necesidade de que Carballo conte, a medio prazo, cun novo centro educativo ou coa ampliación dalgún dos existentes para poder solucionar o problema da demanda dun xeito máis permanente. Respecto das complicacións pola falta de profesorado que se teñen producido nalgúns centros, dende a Consellería apuntan que nestes momentos a demanda no Concello está cuberta. Tamén se abordou, entre outros moitos temas, o grande crecemento do alumnado da Escola de Idiomas, que tamén necesitaría a medio prazo un edificio propio para acoller o desenvolvemento das clases.

Estas son só algunhas das demandas trasladadas ante a Consellería, organismo que ten todas as competencias en materia de Educación e que agora deberá estudar as peticións do Concello. Dende o departamento autonómico existe o compromiso de analizar estas demandas, que serán examinadas para ver se poden ser atendidas no futuro. En todo caso, o obxectivo da administración local é seguir solicitando melloras en materia educativa para rematar cos problemas de escolarización e acadar que o ensino no Concello estea ao mellor nivel posible.

Compartir: