Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca en Cances o primeiro obradoiro de...

CARBALLO SAUDABLE

Arrinca en Cances o primeiro obradoiro de hábitos saudables das 'Xornadas de Saúde para Mulleres'

Venres 26 de setembro do 2008

Dende a parroquia de Cances, os diferentes cursos e obradoiros de hábitos saudables irán estendéndose a outras parroquias, como Sofán, e Razo, e mesmo á capital municipal. Para estes lugares aínda está aberto o prazo de inscrición. Entre outros temas, abordarase a alimentación saudable, o coidado do corpo no fogar, a saúde mental ou a saúde sexual e afectiva das mulleres.

Por outra banda, e tamén dentro das ‘Xornadas de Saúde para Mulleres’, xa comezou o 'Curso de Educación Maternal', dividido en clases de preparto e postparto e que se desenvolve entre o 15 de setembro e o 19 de novembro. Así mesmo, continúa aberto o prazo para anotarse no 'Curso de Hixiene Postural' destas xornadas, unha actividade na que se ofrecen indicacións básicas para o coidado do corpo. As interesadas, poden formalizar as inscricións no Centro de Información á Muller (CIM) de 9.00 a 14.00 horas.

Xa fóra do programa das ‘Xornadas de Saúde para Mulleres’, o Centro de Información á Muller informa da posta en marcha dun ‘Curso de recursos na rede para mulleres. Internet’, unha actividade que terá lugar entre o 6 e o 17 de outubro de 10 a 12 horas no Telecentro-Aula de Informática situado no Pazo da Cultura. As inscricións tamén poden formalizarse nos próximos días no CIM.

Compartir: