Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e Caixa Galicia ofrecen o curso...

FORMACIÓN

O Concello e Caixa Galicia ofrecen o curso 'Cómo elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito'

Venres 26 de setembro do 2008

O edil presentou esta actividade co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e cun dos responsables da Obra Social de Caixa Galicia, José Luis Liñares. O cursiño está dirixido a persoas cunha idea de negocio e que poidan ser susceptibles de solicitar un dos microcréditos de Caixa Galicia. Estas liñas están dirixidas a colectivos que non poden acceder aos créditos polos cauces ordinarios ao careceren das garantías ou dos avais necesarios, como son os inmigrantes ou veciños cunha situación familiar difícil e con baixos ingresos.

Este curso, de 16 horas de duración e repartido en catro sábados para facilitar a asistencia de traballadores e traballadoras (11, 18 e 25 de outubro e 8 de novembro en horario de 9.00 a 13.00 horas) pretende facilitar que unha persoa cunha idea empresarial poida levala á práctica. Haberá titorías personalizadas e estudos sobre os custos, a rendibilidade ou a facturación da futura empresa.

"Dispor desa información permitirálles coñecer aos emprendedores se poden asumir os riscos deste negocio, ou non", puntualiza José Luis Liñares. Ao remate do curso, os alumnos con negocios viables poderán solicitar de xeito directo un microcrédito con Caixa Galicia. Pódese solicitar ate un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de xuro do 4 por cen fixo e 5 anos de amortización, con 6 meses de carencia opcionais.

As inscricións deben formalizarse na Axencia de Emprego do Concello de Carballo -situada no edificio do antigo Ambulatorio con teléfono 981 757 693- dende o luns 29 de setembro ata o venres 10 de outubro. A ponencia inaugural será o 11 de outubro na casa do concello, mentres que o resto das clases se desenvolverán na aula de informática da Axencia de Emprego. Con esta iniciativa, "o Concello de Carballo quere seguir colaborando coa Obra Social para seguir impulsando proxectos innovadores e de autoemprego", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: