Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Outono de Teatro cumpre 17 anos asumindo riscos...

FIOT

O Outono de Teatro cumpre 17 anos asumindo riscos e coa arela de ser o festival de referencia en Galicia

Venres 26 de setembro do 2008

Entre o 3 de outubro e o 1 de novembro Carballo encherase con máis de 26 espectáculos, dúas estreas de obras en Galicia, más de cen artistas e máis de 40 técnicos, un despregue de medios a disposicion do teatro. Como sempre, as representacións de maior importancia serán as do auditorio do Pazo da Cultura, que acollerá compañías de Cee, Valencia, Madrid, Santiago, Italia, Bélxica ou Portugal, recuperando vellos coñecidos como Yllana ou L'Om Imprebís, estes últimos que traerán por fin a Carballo unha representación de 'Don Juan Tenorio'.

A Rúa dos Contos é unha sección que adquire cada vez máis protagonismo, con dúas noites dedicadas por enteiro ao teatro máis directo e sen concesións e con ata dez locais de hostelería colaborando coa iniciativa. Tamén o Teatro de Rúa "vai tomar Carballo", segundo sinalaba Alberto Sueiro, e haberá, así mesmo, unha nova edición do Concurso de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'. Apostas de 'teatro de pequeno formato' pero de grande éxito de público.

E por último, tamén haberá homenaxes, neste caso a unha das compañías que supuxo no seu momento o xermolo do FIOT, 'Ártabro Teatro', que non só contará cunha exposición acerca dos seus vinte anos de vida, senón tamén cun encontro entre os seus compoñentes que rematará coa actuacion do cantahumor Riki López. Non faltará a entrega do premio Xograr de Outono, ou un encontro dos organizadores de festivais de teatro de toda Galicia.

Todo grazas aos esforzos de Telón e Aparte, a Concellaría de Cultura que dirixe Belén Lendoiro, e os patrocinadores, a quenes dende a organización quixeron agradecer a súa colaboración. Na presentación estiveron presentes representantes do Haley Carballo, de Caixa Galicia, da Deputación da Coruña, do Instituto de Camoes -en Portugal- ou da Consellería de Cultura. Mención especial houbo para Reale Seguros e o Ministerio de Cultura que poñen este ano ao FIOT no mapa de España. Xa está todo listo, e tan só queda levantar o telón desta XVII edición do FIOT.

Compartir: