Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo estrea o seu Telecentro cunha...

NOVAS TECNOLOXÍAS

Carballo estrea o seu Telecentro cunha multitudinaria videoconferencia con Vimianzo

Luns 29 de setembro do 2008

O servizo permitirá que os interesados poidan desfrutar de equipos audiovisuais e multimedia, ademais de supoñer un lugar axeitado para que os carballeses e carballesas poidan iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e da alfabetización dixital. O Telecentro conta con 20 monitores e ordenadores, impresoras, servizo de videoconferencia para os usuarios e incluso pode ser empregado, previa solicitude, para que as empresas ou entidades que o desexen organicen actos e roldas de prensa. A inversión da Secretaría Xeral de Comunicación para a posta en marcha deste Telecentro foi de 120.000 euros.

Pero máis aló das características técnicas destas instalacións, os nenos de sexto e cuarto de Primaria de Carballo e Vimianzo foron quen centraron este acto inaugural, no que se interesaron polo río Anllóns, polo Castelo de Vimianzo, pola riqueza gastronómica de ámbolos dous concellos ou polas praias e dólmenes da zona. Tamén houbo anécdotas, como un lapsus que fixo confundir a un rapaz Vimianzo con Bilbao, ou o interés dalgúns por saber si no concello veciño tamén hai churrasco.

En todo caso, Manuel Conde Mouzo resaltou a necesidade de que os Telecentros sexan elementos vivos, que permitan o desenvolvemento de múltiples actividades e a colaboración entre as diferentes sedes da zona, co desexo de que "o equipamento sirva para algo, e se lle dea uso".

Compartir: