Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aproba por unanimidade a...

SESIÓN PLENARIA

A corporación aproba por unanimidade a cesión de terreos para a creación dunha terceira Galescola

Martes 30 de setembro do 2008

Nunha sesión que durou ata as doce da noite, os concelleiros aprobaron así mesmo por unanimidade a creación dunha comisión para iniciar o proceso de deslinde co Concello larachés, que afecta a seis parroquias como son Sofán, Berdillo, Bértoa, Vilela, Noicela e Rebordelos. Tamén co apoio de toda a corporacion saiu adiante a aprobación inicial do proxecto de urbanización dun polígono da avenida de Razo situado en chan non consolidado; as bases das bolsas de estudos e transporte para o curso 2008/09; ou os festivos locais para o ano 2009 -que serán nas festas patronais de San Xoán, o 24 e o 25 de xuño. Así mesmo, recibiu o visto bo a solicitude de subvención para dotar o campo de As Eiroas de nova iluminación, de vestiarios e muros de peche a través dunha convocatoria de axudas da Deputación.

Tamén saiu adiante a renuncia do adxudicatario do circuíto de motor de Bértoa, que leva sete anos de abandono. A medida aprobouse cos votos do Goberno, que considera que esta actuación é a que mellor defende os intereses dos veciños e veciñas, xa que permite desbloquear o asunto e recuperar o circuíto. Por último, quedou sobre da mesa unha moción do Partido Popular que propón a inclusión da estrada entre Carballo e Santiago, a CP-1914, no Plan Director de Estradas de Galicia. A corporación acordou encargar un estudo na Oficina Técnica do Concello para analizar se se presenta unha solicitude ante a Xunta para a inclusión dalgunha outra vía, ademais da CP-1914, neste Plan.

Compartir: