Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Cultura informa das...

OUTONO DE TEATRO

A Concellaría de Cultura informa das condicións e prezos para a venda de bonos, minibonos e entradas do FIOT

Martes 30 de setembro do 2008

Os bonos e os minibonos inclúen todas as representacións excepto a de 'Teatro para comer?' de Teatro del Ariette (días 24 e 25 de outubro). Precisamente no caso desta obra existen unhas condicións moi específicas para a adquisición das entradas, que custan 20 euros. Debido ás características especiais do espectáculo, a compañía limita o aforo e só están dispoñibles 22 localidades para cada unha das funcións (en total 44). A organización informa de que terán prioridade para a obtención destas entradas os espectadores que teñan mercado un bono.

Os posuidores dun bono que estean interesados en asistir a esta función deberán anotarse nunha lista que estará aberta ata o sábado 11 de outubro. De non existir entradas suficientes para todos, o domingo día 12, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, realizarase un sorteo entre os anotados no listado e adxudicaráselle unha entrada aos que resulten elixidos. Se quedaran localidades dispoñibles despois do sorteo do día 12, abrirase unha nova lista na que poderán inscribirse todos os interesados en asistir ao espectáculo. Procederase a un novo sorteo de entradas o domingo 19, ás 20.00 horas.

Por outra banda, a compra dun bono ou minibono dá dereito a unha invitación para asistir ao espectáculo 'El hombre más feliz del mundo' de Riki López, o 26 de outubro (ata completar aforo), que coincide coa homenaxe aos 20 anos de 'Ártabro Teatro'. Para obter información, para a compra de bonos e minibonos e para a compra e reserva de entradas, os interesados poden dirixirse ao Pazo da Cultura ou ao teléfono 981 704 300. O horario de atención é de 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas. Os días de representación, a venda de entradas é en taquilla de 19.00 a 21.00 horas. A partir das 20.00 horas só se realizará a venda de entradas para a función do día.

Compartir: