Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pecha esta fin de semana os obradoiros...

MEDIO AMBIENTE

O Concello pecha esta fin de semana os obradoiros de 'Ciencia divertida' sobre o coidado da natureza

Mércores 1 de outubro do 2008

Os circuítos científicos celebráronse dende o 6 de setembro e o próximo día 4 tocan á súa fin abordando a 'Reciclaxe divertida'. Será na Praza do Concello de 11.00 a 14.00 horas. Ao fin do programa teranse celebrado un total de cinco sesións ao aire libre nas que se abordou o coidado da terra, o cambio climático, o desenvolvemento sostible e as enerxías renovables. Estes circuítos complementáronse coa celebración de catro obradoiros na Ludoteca municipal, reforzando as sesións da Praza do Concello con actividades específicas para os máis pequenos tratando temas como o efecto invernadoiro.

Esta iniciativa, incluída dentro do programa Carballo Limpo, está financiada polo Concello carballés e pola Consellería de Medio Ambiente -a través das axudas para o desenvolvemento de actividades de educación para a sustentabilidade-, e ten un custo aproximado de 6.500 euros. Os obradoiros e circuítos están deseñados para favorecer a motivación, o traballo en equipo e a integración dos participantes, e pretenden -en clave divertida e interactiva- axudar aos veciños a entender mellor os fundamentos científicos da sustentabilidade e a responsabilidade de cada quen no coidado do medio ambiente.

Compartir: