Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto Temunde propón un investimento...

O CONCELLO PIDE APOIOS COA RECOLLIDA DE SINATURAS

O proxecto Temunde propón un investimento de 12 millóns de euros para favorecer o aforro enerxético de 2.000 veciños e veciñas

Venres 3 de outubro do 2008

O obxectivo do programa é actuar nos barrios afectados sobre catro eixos fundamentais. En primeiro lugar, co plan Xenera, que conleva a implantación de instalacións de enerxías renovables -dende paneis solares a centros de biomasa- que abastezan as necesidades do ámbito e que permitan reducir o importe das tarifas enerxéticas que abonan os veciños e veciñas. En segundo, co plan Adapta, que pretende rehabilitar moitas das vivendas existentes e adaptalas aos planos europeos de eficiencia enerxética. Tamén co plan Ensina, co que se pretende concienciar aos veciños en hábitos de aforro enerxético, así como crear módulos sobre enerxías renovables na Casa dos Oficios. E por último, coa creación dun Parque Temático para amosar o funcionamento das enerxías renovables e a súa aplicación no barrio.

Unha iniciativa ambiciosa que deberá competir en Bruselas para poder acadar os fondos do programa Concerto. En todo caso, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que tanto si se obteñen estes fondos como se non, o Concello vai realizar numerosas actuacións de revalorización na zona da Milagrosa, con acordos con organismos como a Consellería de Vivenda. Por último, o Goberno local tamén quixo pedir a colaboración dos carballeses coa posta en marcha dunha campaña de recollida de sinaturas que amosen o interese dos veciños e veciñas e dos axentes sociais de Carballo en que esta iniciativa saia diante. Os interesados poden pasarse a asinar polo Concello. O mércores 8 de outubro entrégase a candidatura en instancias europeas, e dentro dun ano, aproximadamente, despois de toda a valoración, coñecerase a decisión de Bruselas.

Compartir: