Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Telecentro de Carballo acolle a...

NOVAS TECNOLOXÍAS

O Telecentro de Carballo acolle a proxección das metraxes que participan no III certame Curtas na Rede

Luns 6 de outubro do 2008

A actividade comezará coa intervención de Pedro J. Romero, que falará sobre 'O futuro dos Blogs e videoblogs' a través dunha videoconferencia dende o Centro Multimedia de Galicia. Logo virán as curtametraxes, que non superan os 5 minutos de duración e versan sobre as seguintes temáticas: inmigración, saúde e sexualidade ou visións nosas/visións alleas (temática libre). Entre elas hai títulos como 'Un, dous, tres consumismo expres', 'Un conto de fraga', 'Unha vida sen vida' ou 'WARMING 2099', de diferentes autores.

Curtas na Rede comezou o 14 de febreiro de 2008 e remata o 29 de outubro de 2008, cando se reparten os premios das diferentes categorías, que xuntos rondan os 35.000 euros. A iniciativa Curtas na Rede busca, fundamentalmente, animar toda a creación non profesional. Coa chegada da revolución dixital, o eido audiovisual democratizouse de tal xeito que a patente creativa que estaba nas mans da industria está agora espallada entre todas as persoas, que teñen neste certame unha oportunidade de darse a coñecer. Ademais, o concurso pretende favorecer o emprego de Internet como un espazo para a creación e a comunicación.

Compartir: