Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os espectáculos de sala chegan ao Outono...

FIOT '08

Os espectáculos de sala chegan ao Outono de Teatro da man do 'Anfitrión' de Talía Teatro

Xoves 9 de outubro do 2008

O argumento fala de Anfitrión e o seu escravo Sosia, que son suplantados polos deuses Xúpiter e Mercurio mentres están na guerra. O motivo deste engano é o desexo amoroso de Xúpiter por Alcmena, a muller de Anfitrión. A partir de aí os enredos se suceden neste texto adaptado para a ocasión. Pero esta semana o Outono de Teatro non conta só con esta conmemoración, xa que cunha exposición tamén pretende honrar os 20 anos de historia de 'Artabro Teatro'.

Unha mostra que permanecerá no Pazo da Cultura ata o 1 de novembro e que recolle a traxectoria deste grupo creado o 23 de xuño de 1988. Naquel entón estreaban a obra 'Non lle busques tres pernas ao alcalde', a primeira montaxe da súa historia. Daquela proposta da Asociación Cultural Lumieira xurdiría un grupo de amantes da escea que teñen moito que ver co desenvolvemento da afección ao teatro en Carballo. De feito, algún daqueles 'teatreiros' continúa hoxe na organización do FIOT.

Por último, o Teatro de Rúa tomará o sábado e o domingo a Praza do Concello e as rúas Hórreo e Coruña. Azar Teatro levará polo centro carballés 'Barroco Roll', unha tolemia na que unha corte disposta a xogar con todo o mundo pon en marcha un disparate xestual, un divertimento mordaz, unha sátira tola, un xogo cortés ou un espectáculo sobre rodas. Así, a súa Maxestade sae á rúa para tomar contacto co seu pobo. Será a partir das 12.00 horas, cando tamén haberá obradoiros de iniciación teatral para nenos. En resumo, a fin de semana do FIOT arrinca non só no auditorio do Pazo da Cultura, senón despregando a súa variada oferta de actividades paralelas.

Compartir: