Inicio Carballo ao día Hemeroteca As I Xornadas Carballo PortaAberta fomentan entre...

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

As I Xornadas Carballo PortaAberta fomentan entre os veciños e veciñas o coñecemento e uso das novas tecnoloxías

Venres 21 de novembro do 2008

A iniciativa desenvólvese en dous eidos fundamentais. Por unha banda, as I Xornadas de Administración Electrónica -entre o 3 e 4 de decembro- que abordarán a administración dixital, a conectividade no Concello e a xestión territorial a través de diversas conferencias de expertos. E por outro lado, as I Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo -entre o 28 de novembro e o 3 de decembro-, unha competición na que equipos de tres persoas deben recoller datos sobre o municipio respostando a preguntas que deben ser contestadas percorrendo as parroquias e o casco urbano e facendo uso das novas tecnoloxías. Todos os participantes recibirán un agasallo e os campións un pequeno recordo conmemorativo. Poden participar todos os interesados e interesadas maiores de 12 anos.

As I Xornadas Carballo PortaAberta veñen a afondar na aposta do Goberno local polas novas tecnoloxías, segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero, que lembra que Carballo se atopa na vangarda da administración electrónica e que anima aos veciños e veciñas a que empreguen as ferramentas ofrecidas polo Concello, xa que "é importante que a xente vexa que as novas tecnoloxías abren moitas portas".

Os interesados en inscribirse tanto nas I Olimpíadas Tecnolóxicas como nas I Xornadas de Administración Electrónica, poden obter máis información premendo aquí.

Compartir: