Inicio Carballo ao día Hemeroteca As carpas de 'Merca-do-bo' e...

30 DE NOVEMBRO

As carpas de 'Merca-do-bo' e 'Pasea a túa saúde' centran as actividades do Feirón de Outono

Martes 25 de novembro do 2008

A carpa de 'Merca-do-bo' -que estará de 9.30 a 14.30 horas- contará cun stand da Consellería de Medio Rural para promocionar un novo rural cara á sustentabilidade. Así mesmo, celebrarase o I Concurso de Produtos do Agro, que contará con tres categorías e 300 euros en premios en adquisición de produtos hortifrutícolas, que posteriormente serán cedidos á beneficencia polo Concello. Dentro da dinamización do comercio local, haberá animación de rúa, presenza do pan de Carballo e unha pulpeira.

A carpa 'Pasea a túa saúde', de 275 metros cadrados de superficie, contará cun circuíto de valoración da condición física, ademais dun set de fomento da vida sen tabaco. Os maiores de 8 anos que non presenten contraindicacións para realizar as probas, poderán coñecer o seu índice de graxa corporal, o seu nivel de flexibilidade ou a súa resistencia física. Ademais, haberá unha exposición de fotos e vídeos das diferentes actividades desenvolvidas en 'Carballo Saudable' -como por exemplo as rutas de 'Pasiño a pasiño'- para que os veciños e veciñas poidan observar o resultado. Esta carpa estará todo o día, de 10.00 a 20.00 horas. Para obter máis información, pode consultarse o folleto axuntado nesta nova.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou o Feirón de Outono cos concelleiros de Promoción Económica e Deporte -Xosé Manuel García Guillín e Marcos Trigo- quixo subliñar que o Concello ten superado con moi bo resultado a auditoría que a Consellería de Sanidade realiza nos 'Concellos Saudables' e felicitou aos organizadores de 'Carballo Saudable', que conclúe cun importante éxito de afluencia e popularidade entre os carballeses e carballesas, aos que animou a desfrutar o domingo 30 da feira e o comercio local.

Compartir: