Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os hábitos saudables e a promoción...

30 DE NOVEMBRO

Os hábitos saudables e a promoción dos produtos do agro, protagonistas do Feirón de Outono

Venres 28 de novembro do 2008

Un dos núcleos centrais é a carpa 'Pasea a túa saúde', chegada a Carballo da man do programa 'Carballo Saudable' e que conta cunha superficie de 275 metros cadrados e un equipo de 30 profesionais da saúde. Nesta ampla infraestrutura -na imaxe un momento do laborioso proceso de montaxe que comezou o venres 28 de novembro- levarase a cabo un programa para promocionar os estilos de vida saudables entre a cidadanía, estimular a práctica de actividades de exercicio físico e impulsar unha dieta axeitada. Os veciños e veciñas tamén contarán cunha mostra audiovisual sobre as actividades desenvolvidas no programa 'Carballo Saudable'. As instalacións permanecerán de 10.00 a 20.00 horas diante do edificio do Concello.

Outro dos puntos fundamentais do Feirón tamén será 'Merca-do bo'. Así, nunha carpa habilitada polo Concello -que estará de 9.30 a 14.30 horas- celebrarase o I Concurso de Produtos do Agro, que ten por obxecto promocionar, dar a coñecer e poñer en valor os produtos de tempada, así como apostar polo seu consumo e pola súa produción e elaboración tradicional. A entrega de premios terá lugar as 13.30 horas. Ao longo da mañán haberá tamén un punto de información e promoción do Medio Rural cara a Sustentabilidade. Todas estas actividades complementaranse coa animación de rúa de Rodesindo da Barrosa e o seu carro afiador.

Compartir: