Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e a Cruz Vermella animan aos...

BENESTAR

O Concello e a Cruz Vermella animan aos carballeses e carballesas a participar no programa de acollemento familiar de menores

Venres 12 de decembro do 2008

Nestes momentos, na Coruña hai 23 nenos e nenas á espera de atopar un fogar temporal ata que poidan regresar ao seo da súa propia familia. Os interesados ou interesadas poden coidar deles mediante varios tipos de acollemento. Coa atención 'de día', coa que o menor volta ao seu fogar pola tarde; en convivencia plena, ata que a situación familiar adversa se dea solucionado; en fins de semana e vacacións; e por último en acollemento de urxencia, que non dura máis de seis meses. Tamén é posible coidar de bebés en período de preadopción, para os que se precisa que unha familia se faga cargo deles un tempo, mentres se formalizan os trámites.

Dende a Cruz Vermella queren facer fincapé en que non importa o nivel económico das familias interesadas, nin as características da unidade familiar (se é unha persoa solteira, separada, en parella, con, ou sen fillos). O proxecto realiza un proceso de avaliación que escolle ás persoas máis axeitadas para cada menor. O único requisito é que a familia de acollida entenda que non poderán nunca adoptar aos rapaces e rapazas e pasar a ser os seus titores legais. Dende o comezo do programa en 1995, lévanse realizado máis de 200 acollementos na provincia.

O alcalde de Carballo, que estivo coa presidenta da asemblea local da Cruz Vermella, Matilde Anido, presentando a iniciativa, fixo fincapé na necesidade de que "a sociedade vaia dando pasos e se articule para axudar a outras persoas que viven unha circunstancia excepcional", e animou a todos os carballeses e carballesas e aos habitantes da comarca a que participen no programa, especialmente durante estas datas do Nadal. Para máis información, os veciños e veciñas poden chamar á asemblea local no teléfono 981 703 764.

Compartir: