Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición do III Premio de Arte...

UN TOTAL DE 30 GRAVADOS

A exposición do III Premio de Arte Gráfico Internacional Jesús Núñez: no Pazo da Cultura até o 25 de febreiro

Luns 8 de febreiro do 2010

O comisario da exposición, Pedro Galilea, subliña que o premio tamén inclúe unha estadía na Fundación CIEC para cursar calquera das actividades formativas que alí se desenvolven, e agradeceu ao Concello de Carballo o seu ofrecemento para que a mostra poida visitar a vila e reivindicar o seu carácter itinerante, que a levará por nove concellos da provincia. Tamén resalta o carácter "internacional" do certame, xa que se teñen presentado autores de 22 países como Austria, Cuba, Arxentina, Francia ou Estados Unidos. Tamén se inclúen catro galegos, como Anne Heyvaert, de orixe belga, coa súa orixinal obra 'Flor de mapa'; ou Julia Matute, cunha obra realizada no taller da propia Fundación CIEC. A deputada Pilar Souto cualificou a mostra de "moi interesante" e agradeceu a todas as partes implicadas a oportunidade que ofrecen de poder observar un conxunto artístico que sería imposible obter doutro xeito.

Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que asistiu á inauguración da exposición acompañado pola Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, destaca a relación que mantén o Concello co gravado, especialmente por unha figura de grande relevancia neste ámbito, como é Manuel Facal, que chegou a colaborar con artistas como Miró. Ferrero desexou que unha mostra deste tipo poida servir para afondar na tradición de carballeses-gravadores e animou a todos os veciños e veciñas da Costa da Morte a que visiten esta escolma de obras chegadas dende todos os puntos do globo. Precisamente, a mostra ofrece unha visión ampla do panorama gráfico contemporáneo, no que se dan cita autores noveles con outros máis consagrados que ven no Premio unha oportunidade para o seu recoñecemento e divulgación.

Compartir: