Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello mellora a seguridade viaria no entorno...

NOVA SINALIZACIÓN HORIZONTAL

O Concello mellora a seguridade viaria no entorno das zonas escolares da capital municipal

Venres 12 de febreiro do 2010

Esta medida reforza unha serie de iniciativas levadas a cabo nos últimos tempos para mellorar a seguridade nos colexios, non só no que se refire ao tráfico e aos peóns, senón noutros ámbitos. Así, ao longo do ano 2009 e no 2010 a Policía Local ten reforzado a vixilancia nos centros escolares, especialmente nos recreos ou ás horas de entrada e saída. Así mesmo, a principios do curso escolar 2009/2010 o Concello ten colaborado coa Dirección Xeral de Tráfico nunha campaña especial sobre o control do transporte escolar e de menores, sen que se teñan atopado irregularidades nos vehículos que realizan este servizo nos centros de ensino situados dentro do termo municipal. A revisión realizouse entre o 15 e o 28 de outubro e fíxose especial fincapé no emprego dos cintos de seguridade e nos sistemas de retención, xa que, en caso de accidente, o emprego do cinto salva vidas e reduce a gravidade das lesións

Esta actuación tamén vén a reforzar algunhas das medidas de seguridade realizadas de acordo co Plan de Tráfico, como a implantación dos pasos de peóns elevados en varios puntos da capital municipal, como o entorno do Centro Comercial Bergantiños-Haley ou a rúa Luis Calvo e a Avenida Ponte da Pedra. Tamén se teñen substituído as ópticas dos semáforos do municipio co obxectivo de favorecer o aforro enerxético, pero tamén, e, sobre todo, de mellorar a visibilidade para aumentar a seguridade. Segundo o balance do ano 2009 realizado pola Policía Local, moitas destas medidas contribúen a reducir o número de peóns feridos por atropelo e subliñan que, nos últimos tempos, a pesar de que se ten incrementado o parque de vehículos no municipio, non se teñen incrementado os accidentes, senón máis ben ao contrario, téñense reducido lixeiramente.

Compartir: