Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Dinamización de Carballo:...

ENTREGA DE PREMIOS O MARTES 16 DE FEBREIRO

O Centro de Dinamización de Carballo: entre os dez finalistas autonómicos do II Concurso ‘Maiores con Iniciativa’ en Galicia

Luns 15 de febreiro do 2010

A iniciativa 'Bergantiños: pasado e presente' xorde para celebrar o 17 de maio -Día das Letras-, cando un grupo de maiores do Concello participaron nunha serie de obradoiros para facerse cuns coñecementos básicos para logo poder plasmar en Internet as súas vivencias, recordos e todo aquelo que se lles lembre ao falar da súa terra. 'Manexo do rato e do teclado' e 'Procesador de textos: Writer' foron os dous obradoiros nos que aprenderon un xeito básico e doado para transcribir os seus pensamentos nun documento de texto. Asemade, en 'Uso do escáner', aprenderon o manexo básico dun escáner e dixitalizaron os seus recordos fotográficos. Finalmente 'Achegamento ao blog' foi o obradoiro no que publicaron os seus textos e fotografías nun blog creado para que calquera que o desexe poida achegarse aos seus recordos coñecendo mellor a historia de Bergantiños.

A entrega de premios da competición autonómica ten lugar o martes 16 de febreiro ás 11.00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela. A listaxe das seleccionadas, incluídno a carballesa, é a seguinte:

  • 'Bergantiños: pasado e presente', Centro de Dinamización de Carballo
  • 'Exprésache a través do teu blog, Centro de Dinamización de Sada
  • 'Memoria de Muller en Monte Porreiro', Centro de Dinamización de Pontevedra
  • 'Memoria dous oficios en Sada', Centro de Dinamización de Sada
  • 'Memoria de Muller nas aldeas de Boiro', Centro de Dinamización de Boiro
  • 'Memoria dous oficios de Boiro', Centro de Dinamización de Boiro
  • 'Memoria de Muller en Burela', Centro de Dinamización de Burela
  • 'Memoria de Muller de Ribadeo', Centro de Dinamización de Ribadeo
  • 'Memoria dous oficios de Ribadeo', Centro de Dinamización de Ribadeo
  • 'As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina', Concello de Allariz

As tres primeiras competirán a nivel nacional, cuxo gañador será elixido por un xurado constituído por personalidades da Administración Pública e entidades privadas de ámbito estatal vinculadas coas persoas maiores e da Sociedade da Información, que se dará a coñecer nun evento que terá lugar o 25 de febreiro en Madrid. Os criterios para a valoración das iniciativas serán a súa creatividade, orixinalidade e innovación, a calidade técnica dos traballos finais, a utilidade persoal e colectiva da iniciativa, o seu alcance cuantitativo (participación) e cualitativo (repercusión e impacto social), e a súa dificultade de realización.

Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria do certamen: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas destrezas no uso de Internet e o ordenador grazas a estas accións. Desas 16 iniciativas, o Comité Técnico do Certamen elixiu as sete que, xunto con outras tres elixidas por votación popular vía Web, pasaron á final autonómica de Galicia.

O proxecto contou coa colaboración Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia (no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información), que se adheriu ao proxecto co obxectivo de fomentar a participación no concurso dentro da rexión.

Compartir: