Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Rosalía, a pulga que...

DOMINGO 21 DE FEBREIRO ÁS 18.00 HORAS

'Rosalía, a pulga que escribía' retoma o programa dos Venres Culturais para os máis cativos

Xoves 18 de febreiro do 2010

Galitoon é unha empresa galega de televisión, teatro e espectáculos que fusiona técnicas e medios nunha constante experimentación por encontrar un selo propio e un modelo creativo de negocios baseado en contidos intelixentes. Entre os seus traballos en televisión destacan 'O Galo Cecilio' do Supermartes, as vacas 'Pinta e Marela' do Luar ou o programa 'Cousiñas'. No ámbito teatral, é necesario citar as varias veces premiada 'Golulá' e 'Babiliglub', coas que a compañía segue xirando por Galicia e polo resto de España, así como polo exterior en países como Cuba e Portugal. A compañía Galitoon xa ten visitado Carballo acadando un notable éxito con 'Babiliglub'.

En canto ao argumento do espectáculo, a historia fala de Rosalía é unha pulga moi, moi pequena. que cada día escribe unha carta, métea nun sobre e mándaa por correo. Bruno o Canguro, un carteiro moi especial, encárgase de levarllas aos seus destinatarios, e de lerllas: a unha toupa que non ve, a unha ovella que non sabe ler, a unha xirafa que perdeu as súas lentes e a un elefante que só sabe ler en inglés. O contido da carta é unha invitación para unha festa en casa d Rosalía. Todos reciben unha carta, todos, menos Bruno o Canguro. Por que? Pois porque é unha festa sorpresa... para Bruno. Santiago Alonso e Rogelio Lema son os intérpretes desta peza escrita por Andrea Bayer, que dirixe o espectáculo xunto con Santiago Alonso. Nesta cita colabora a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Pero esta fin de semana aínda conta coas últimas citas de Antroido, neste caso con actividades desenvolvidas polas asociacións do Concello. Así, o Sábado de Piñata a Asociación de Veciños a Férveda organiza unha Festa de disfraces don degustación de doces de Antroido e agasallos no Local Social de Rus, a partires das 18.00 horas. A Asociación Cultural San Campio de Cances tamén ten a súa cita: un Baile de disfraces nas Escolas da parroquia entre as 17.00 e as 21.30 horas. Por último, o domingo 21 de febreiro a Asociación Cultural Nemeth, en colaboración coa Asociación Cultural Alfredo Brañas, organiza un Domingo de Piñata con baile de disfraces: a partires das 17.00 horas.

Compartir: