Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Dinamización da Sociedade da...

IMPARTÍRONSE 28 HORAS DE FORMACIÓN TECNOLÓXICA

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información pechou febreiro con 40 novos usuarios e usuarias

Mércores 3 de marzo do 2010

No tempo de funcionamento do Centro téñense levado a cabo 76 obradoiros nos que se formou a 665 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 4 charlas e 8 iniciativas, nas que participaron un total de 40 persoas. A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, está enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) e é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar á cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A RDSI conta con 45 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Carballo, sito no Telecentro do Pazo da Cultura, 1º andar (rúa do Pan, s/n), chamar ao teléfono 981 704 300 ou mandar un correo electrónico ao enderezo electrónico: <soraya.carballo@dinamiza.fundacioncalidade.org>. Para máis información sobre o proxecto, pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: <www.redededinamizacion.eu>.

Compartir: