Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 17 persoas, a maioría...

O CONCELLO SOLICITA CINCO ACTIVIDADES FORMATIVAS PARA 2010

Un total de 17 persoas, a maioría mulleres, recollen os diplomas dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes

Mércores 3 de marzo do 2010

A actividade, que principiou o pasado mes de xullo, incluíu o desenvolvemento de actividades teóricas e prácticas. Foi xestionado polo Centro Municipal de Formación a través da súa responsable municipal, Milagros Antelo, e contou ademais cun Servizo de Acompañamento Laboral como unha ferramenta de reforzo contra a situación das persoas desempregadas e en risco de exclusión social, cuxo obxectivo é dar resposta á necesidade de mellorar as súas perspectivas de integración a través dun servizo personalizado e especializado de inserción laboral. Marcos Gende Periscal, Axente de inserción laboral no Concello de Carballo, acompañou ao alumnado no proceso de busca de emprego prestando asesoramento a potenciais emprendedores/as e realizando tarefas de intermediación laboral para coñecer as demandas do tecido empresarial.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou o nicho de mercado que se ten aberto coa aprobación da Lei de Dependencia, especialmente cos proxectos para a creación de Centros de día en varios puntos da Costa da Morte. Ferrero desexoulles aos participantes no cursiño unha pronta incorporación ao mundo laboral e que o seu labor "sexa útil". Así mesmo, hai que destacar que o Concello solicitará para o ano 2010, ser entidade sede e poder impartir a partires do segundo semestre do ano cursos relacionados con 'Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas', 'Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas', 'Aproveitamento forestal', 'Panadería e bolería' e 'Comercio e marketing'. O obxectivo da Rede Xiana é o de implementar un programa de fomento do emprego para 90 concellos de toda a provincia a través dunha rede de traballo técnico, político, económico e social que traballe por un emprego de calidade, estable, seguro e con dereitos.

Compartir: