Inicio Carballo ao día Hemeroteca O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da...

VENRES 5 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu traballo 'Naturalidad silvestre'

Xoves 4 de marzo do 2010

Roger de Flor é o pseudónimo de Rogelio Arias, representante dunha nova xeración de músicos de Ferrolterra, como Quant ou Boy Elliot, que centran o seu traballo nas ideas, máis que no virtuosismo instrumental. Durante o ano 2006, Roger de Flor deulle forma a un traballo producido en La Buhardilla (en Limodre, Fene), coa colaboración do músico Vítor Gacio e que naceu en 2007 baixo o título de 'Canciones de amor y retranca'. Un primeiro traballo con media ducia de temas que falan da amizade, das relacións, da crítica ao conformismo ou da necesidade de atopar o propio espazo. Inclúe colaboracións coma a do pianista Fran Rey (Los Limones), ou os guitarristas Álvaro Lamas (Los Limones) e Cabe (Os Cempés). Tamén conta co baixo Luis Cuba, o trompetista cubano Robinson e a cantante francesa Coralie, ademais de músicos xoves de Ferrol e a comarca.

Xa dende este primeiro traballo, Roger de Flor amosou a súa heteroxeneidade, á que o seu talento dota de claridade. Nos seus comezos, De Flor interpretaba pezas dos seus artistas favoritos: David Bowie, Bob Dylan, Lou Reed, Burt Bacharach, etc. Logo, en Santiago, comeza a dar concertos cunha orquestra por toda Galicia e Portugal. Xa pensando en orientar o seu traballo, crea o dúo musical La sociedad protectora del hombre mono, con Cristóbal Veiga, co que facía versións de Ray Davis ou os Kinks. Co cuarteto Bang 74 explora a súa faciana rock, cos que participou no Felipop, un festival pop celebrado en Limodre que vai pola súa XI edición. Pouco a pouco a súa carreira foise decantando pola produción en solitario, explorando novos espazos musicais, ata chegar agora ao seu segundo traballo, no que sigue afondando nas súas mellores características. Aborda a presentación dos seus novos temas con varios concertos, entre os que destaca o que terá lugar en Madrid o 16 de abril no Rincón del Arte nuevo. Antes, recala en Carballo: o venres 5 de marzo ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: