Inicio Carballo ao día Hemeroteca A carballesa María José Costa...

ATÉ O 4 DE ABRIL NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', emprende a súa primeira exposición cunha 'Incursión ao sutil'

Venres 5 de marzo do 2010

María José Costa é unha artista carballesa interesada polo mundo da arte dende moi nova. Licenciouse en Belas Artes na Especialidade de Pintura, aínda que tamén se formou noutras artes como a escultura, o gravado ou a cerámica. Ten colaborado en varias exposicións colectivas, ademais de ser colaboradora e ilustradora na revista Animal dende o ano 2000. A mostra recolle unha selección de pinturas abstractas nas que Chiña emprega para soltar a súa creatividade técnicas tan variadas como o óleo, o acrílico, a acuarela ou a técnica mixta. Chiña explica que moitas das obras "posúen unha tonalidade clara" e incluso "íntima" que lle levaron a titular a exposición como unha 'Incursión ao sutil'. No acto de inauguración desexoulle ao público carballés "que desfrute tanto desta exposición, como eu facéndoa".

A inauguración da mostra contou coa presenza, ademais da propia artista, da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Este último felicitou a Chiña polo seu traballo e doulle ánimos ante o seu debut. Mostrou a súa satisfacción porque a súa primeira exposición sexa en Carballo e nun edificio público que está a disposición de toda a sociedade da vila. Desexoulle así mesmo sorte na súa andaina como artista, para que esta mostra "sexa o primeiro paso dunha longa carreira" e que poda "expoñer en moitas localidades". Por último, Ferrero desexou que "o sutil" non lle impida á artista "volver ás raíces carballesas" despois dos seus trunfos. Os interesados e interesadas en ver a mostra, poden facelo no andar -1 do Pazo da Cultura até o 4 de abril, en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: