Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 331 persoas participan no Programa de...

A ACTIVIDADE CHEGA Á CAPITAL MUNICIPAL E A SETE PARROQUIAS

Un total de 331 persoas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

Luns 8 de marzo do 2010

O Programa de Exercicio Físico para Adultos Maiores de 60 anos ten como obxectivos xerais influír na poboación maior conseguindo estilos de vida activos e saudables; e manter ou mellorar a calidade de vida da poboación maior mediante a actividade física e a inserción social actuando sobre o proceso natural de envellecemento. En canto aos seus obxectivos específicos, a actividade pretende manter un nivel suficiente de capacidade funcional xeral; mellorar a saúde reducindo o risco de desenvolver ou volver a padecer determinadas doenzas (cardiovasculares e osteoarticulares); e mellorar a seguridade ao facer exercicio. A actividade consiste no desenvolvemento de dúas sesións semanais de entre 30 e 45 minutos de Exercicio Aeróbico, Acondicionamento Muscular e Flexibilidade de Baixo Impacto Osteoarticular, cun aumento progresivo de intensidade que vai de baixa a moderada ou media intensidade.

Os maiores de Carballo teñen á súa disposición este programa específico de actividade deportiva que é completamente gratuíto. As persoas que superan os 60 anos de idade teñen así a oportunidade de manter e mellorar a súa calidade de vida. As iniciativas programadas, especialmente adaptadas á súa condición, favorecen asemade as relacións sociais entre este colectivo. Así mesmo, o colectivo da Terceira Idade tamén dispón dun conxunto de aparellos de ximnasia situados no Paseo do Anllóns que permite exercer a actividade física ao aire libre. Este programa tamén está incluído dentro das actividades de Carballo Saudable, un programa destinado a incrementar a calidade de vida da poboación adoptando hábitos saudables e estilos de vida activos, que melloren e protexan a súa saúde ao longo da vida. Tamén pretende establecer mecanismos de prevención para diminuír as enfermidades evitables.

Compartir: