Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 45 persoas -38 mulleres- están...

O CONCELLO CONMEMOROU O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Un total de 45 persoas -38 mulleres- están inscritas no Banco do Tempo de Carballo, situado no Museo de Bergantiños

Xoves 11 de marzo do 2010

Dende hai un mes, Mulleralia, como responsable da posta en marcha do Banco do Tempo en Carballo, está mantendo contactos coas 55 asociacións rexistradas no Concello para dinamizar as actividades e colaborar activamente co tecido asociativo. Tamén están en contacto dende a súa creación co Departamento de Servizos Sociais do Concello, co Centro de Información á Muller (CIM), coa oficina do INEM ou co Centro de Formación, entre outras entidades. O obxectivo é que cada vez máis xente participe na iniciativa. Até o momento téñense desenvolvido intercambios de tempo individuais e colectivos. Os colectivos centráronse na posta en marcha de talleres, como un Obradoiro de Alfombras coa colaboración de Aspaber, con 26 participantes e no que 13 persoas actuaron cedendo o seu tempo para formar a outras 13. Un dos obradoiros que tivo mais éxito é o de Abelorios, que está previsto que se repita no futuro e no que participaron 17 persoas. Tamén se teñen realizado obradoiros de maquillaxe, porcelana ou calceta.

No que respecta aos intercambios individuais, son moi variados, coa realización de tarefas domésticas, acompañamento a persoas ou axuda para ensinar o emprego de Internet e as Novas Tecnoloxías. Ademais da conciliación ou a mellora das oportunidades para as mulleres, o Banco do Tempo tamén contribúe a mellorar as relacións interxeracionais, a fomentar a participación cidadá, a detectar as necesidades poboacionais, a fomentar a solidariedade e o cooperativismo e ao fin último de aumentar o tempo libre das persoas. Incluso contribúe a establecer lazos de amizade entre os participantes nas actividades, como xa ten ocorrido en Carballo nalgúns dos obradoiros celebrados. Tamén hai que aclarar que nun Banco do Tempo todas as habilidades teñen o mesmo valor, é dicir, todo vale o tempo que se tarda en facer una actividade, con independencia da actividade que sexa. O labor do Banco do Tempo é o de poñer en contacto ás persoas participantes para que poidan realizar os intercambios.

Todos estes datos déronse a coñecer nunha Xornada celebrada no Pazo da Cultura con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o 8 de marzo. No acto, ao que asistiron unhas 60 persoas, participaron Obdulia Soto Costas, Coordinadora do Banco de Tempo da FAVEC en Vigo, Rosa María Ruíz Jiménez e Josefa García Rubio da Secretaría do Banco do Tempo do Buen Pastor de Barcelona e María José Pombo Vilariño, do Banco do Tempo de Carballo. Tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Dores Silveira. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre o Banco do Tempo, poden premer aquí.

Compartir: