Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 30 mulleres asisten a un Curso de...

CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER O MÉRCORES 10

Preto de 30 mulleres asisten a un Curso de Ximnasia Pre parto organizado polo CIM Carballo

Martes 9 de marzo do 2010

Esta é a terceira vez que se organiza esta actividade, e as interesadas aínda teñen de prazo ata xuño para beneficiarse do cursiño. Os exercicios físicos que se desenvolven están encamiñados, entre outras cousas, ao fortalecemento dos músculos do útero ou a mellorar a respiración para controlar as contraccións. Para iso, empregan elementos como balóns, por exemplo, que lles axudan nos exercicios. No que respecta á parte teórica, as futuras nais receben directrices acerca dos coidados básicos dos recén nacidos, como as curas do cordón umbilical, consellos para a lactancia e a alimentación dos bebés ou os coidados necesarios para a propia nai nos primeiros días despois do parto. As actividades desenvólvense na Aula 1 do segundo andar do Pazo da Cultura. A Concellaría de Igualdade e Benestar anima ás interesadas a que se anoten no CIM para asistir ás sesións, que son gratuítas.

Por outra banda, e con motivo da conmemoración do 'Día Internacional das Mulleres' que tivo lugar o luns 8 de marzo e que está recoñecido pola ONU, a Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información a Muller, organiza unha xornada sobre a experiencia de traballo nos Bancos do Tempo que terá lugar o mércores 10 de marzo as 20.00 horas no Pazo da Cultura. No acto participarán Obdulia Soto Costas, Coordinadora do Banco de Tempo da FAVEC en Vigo, Rosa María Ruíz Jiménez e Josefa García Rubio da Secretaría do Banco do Tempo do Buen Pastor de Barcelona e María José Pombo Vilariño, do Banco do Tempo de Carballo. Tamén estarán presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Dores Silveira. O acto está aberto a todas as persoas interesadas en coñecer estas iniciativas

Compartir: