Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello contactará con Urbanismo para...

A DEPUTACIÓN COLABORARÁ COA CREACIÓN DO NOVO CENTRO DE DÍA

O Concello contactará con Urbanismo para axilizar a modificación puntual do PXOM que permitirá a ampliación de Aspaber

Luns 22 de marzo do 2010

Na última xuntanza entre representantes do Concello, de Aspaber e da Xunta -celebrada en decembro de 2009-, a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas, manifestou a súa vontade de que a modificación do PXOM fora efectiva en xuño deste ano. Ante o interese dos responsables de Aspaber, que esperan afrontar a construción da nova residencia e centro de día canto antes -entre 2010 e 2011 se é posible-, o Alcalde manifestou a súa vontade de poñerse en contacto coa Secretaría Xeral por escrito para coñecer de primeira man a marcha dos trámites. O obxectivo desta modificación no PXOM é adaptar os terreos onde está prevista a creación das novas instalacións á Lei do Solo, que permite unha maior edificabilidade que o planeamento carballés vixente, máis restritivo na zona.

Aspaber xa conta cun anteproxecto para a creación da nova residencia, creado en 2006, e que xa recollía un custe construtivo estimado naquel entón próximo aos 600.000 euros, nun edificio de dous andares. Porén, será necesaria a creación dun novo anteproxecto, debido a certas modificacións nas normativas. Os responsables de Aspaber confían en abordar varías vías de financiamento para lograr a creación das novas instalacións, incluíndo a solicitude de fondos europeos e a colaboración da Xunta de Galicia, ademais dos xa comprometidos da Deputación. Tanto o responsable do organismo provincial como os do Concello de Carballo realizaron, ao remate da visita, un percorrido polas instalacións de Aspaber, nas que puideron observar o traballo desenvolvido nos obradoiros ocupacionais do centro. Hai que subliñar que nestes momentos o centro de Aspaber está realizando molduras de xeso no seu taller para varias tendas da marca Carolina Herrera en Nova Iork. Outro dos obxectivos da entidade é o reforzo do seu Centro Especial de Emprego, optando, por exemplo, á concesión do servizo de limpeza viaria doutros concellos, ademais do de Carballo.

Compartir: