Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía barcelonesa Titzina...

VENRES 12 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

A compañía barcelonesa Titzina Teatro presenta nos Venres Culturais a obra 'Exitus'

Mércores 10 de marzo do 2010

A compañía Titzina Teatro é unha vella coñecida do público carballés. Así, ten participado en dúas edicións do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) e coas súas anteriores creacións teñen percorrido toda España, acadando numerosos premios e recoñecementos. Os intérpretes Diego Lorca e Pako Merino encárganse tamén da autoría e dirección deste sorprendente e delicioso espectáculo no que se fusionan comedia e drama, humor negro e humanidade e no que múltiples personaxes e escenas se suceden de xeito moi dinámico e poético, creando unha historia que non deixa indiferente ao espectador. Os afeccionados e afeccionadas ao teatro non poden perder a oportunidade de ver a esta compañía en acción, xa que, desta volta, só actuarán en Carballo e Narón en toda Galicia.

Diego Lorca e Pako Merino fundaron Titzina Teatro no ano 2001, dous actores e produtores formados na Ecole Internacional de Theatre Jacques Lecoq. En xuño de 2003 conseguen estrear a súa opera prima 'Folie a deux/Sueños de psiquiátrico'. Con este espectáculo realizan unha xira por toda España, así como por Portugal e Francia, na que visitan o FIOT carballés en 2004, e que dura ata novembro de 2005. Durante ese tempo, o espectáculo recebe sete premios nacionais, preséntase en case todas as feiras e festivais de España e suma un total de 300 funcións. Regresaron a Carballo no FIOT 2006 con 'Entrañas', unha obra sobre a Guerra Civil, e agora volven de novo para presentar a súa última proposta. O venres 12 de marzo ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: