Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Eixo Atlántico considera o deporte como...

XUNTANZA DA COMISIÓN DELEGADA EN CARBALLO

O Eixo Atlántico considera o deporte como un dos seus piares básicos e céntrase na próxima edición dos seus Xogos

Xoves 11 de marzo do 2010

A xuntanza estivo presidida polos anfitrións, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que agradeceron a oportunidade de poder acoller unha das reunións de traballo da Comisión; e polo Presidente da Comisión Delegada de Deportes, Domingo Madeira Pinto. Nela, tamén se reflexionou sobre os posibles erros organizativos que puideron ocorrer nos pasados Xogos e abriuse xa a presentación de candidaturas para a celebración da próxima cita. Dende A Coruña, a anterior anfitriona, resaltouse a importancia dos Xogos do Eixo Atlántico como unha experiencia única en toda Europa que pode servir para fomentar o deporte e os vencellos entre os concellos membros do Eixo e sen custos para as arcas municipais.

O presidente da mesa de traballo da Comisión de Deportes quixo subliñar a grande dispoñibilidade e afán participativo do Concello de Carballo para acoller a xuntanza, e agradeceu á súa vez a colaboración das autoridades locais. En canto á celebración dos Xogos do próximo ano, aínda que non existen regras fixas, un dos criterios que se segue á hora de conceder a organización é o da alternancia entre os municipios galegos e portugueses, polo que, case con toda seguridade, a edición de 2011 será en terras portuguesas. En todo caso, polo de agora tan só está aberto o prazo para presentar as candidaturas.

Compartir: