Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un conxunto de 93 obras conforma a...

NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 11 DE ABRIL

Un conxunto de 93 obras conforma a exposición do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Venres 12 de marzo do 2010

A inauguración da exposición contou coa presenza dos premiados, coa excepción de Ángel Pérez de León, que non puido asistir; de varios membros do xurado, como a fotógrafa profesional Mar Casal Pombo ou José Manuel Menéndez Varela, de Senda Nova; dos representantes da familia de Xosé Manuel Eirís, Feliciano Eirís e Luciano Calvo Eirís; da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O gañador do primeiro premio, Marcos Rodríguez, quixo subliñar a importancia que para el ten a foto, xa que "reflicte moito de onde imos e da situación actual". A imaxe, feita en Santa Mariña (Camariñas) recolle a un matrimonio María, de 89, e Xosé, de 91 anos, na cociña da súa casa. Para Rodríguez, trae lembranzas da "casa da miña avoa", pero tamén de moitas das casas dos avós e avoas dos presentes na inauguración e dos habitantes da zona.

Feliciano Eirís quixo agradecer ao Concello a organización dun Certame en lembranza do seu irmán, e afirmou que "alá onde estea seguro que está contento por todo isto". Evencio Ferrero felicitou ao xurado polo seu traballo, especialmente ante a dificultade de escoller entre 196 imaxes. Agradeceu, á súa vez, a colaboración da familia Eirís no concurso, xa que "Xosé Manuel seguro que segue vivo nestas fotografías" e desexou "que esta lembranza se poida facer durante moitos anos". O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís pretende contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía e ten lugar dende o ano 1997. A súa denominación provén do recoñecemento que o Concello e as entidades culturais queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do patrimonio cultural e pola implicación da cidadanía.

Os interesados e interesadas en visitar esta mostra poden facelo na sala de exposicións situada na baixocuberta do Pazo da Cultura (no terceiro andar), en horario de 18.00 a 21.00 horas. Tamén se pode consultar a fotografía gañadora nesta mesma nova.

Compartir: