Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo ten rexistrado un total de 13 accidentes...

HAI CINCO FERIDOS MENOS QUE EN XANEIRO

Carballo ten rexistrado un total de 13 accidentes de circulación e 97 intervencións do servizo de Protección Civil no mes de febreiro

Martes 16 de marzo do 2010

No que respecta ao apartado de delictos, furtos e danos, a estatística revela que se produciron dous máis que no mes de xaneiro. Catro foron roubos con violencia, aínda que tamén houbo un tirón e rexistráronse dous roubos no interior dos vehículos. Por outra banda, tamén hai que mencionar un delicto relacionado coa violencia de xénero no municipio. Respecto das persoas detidas, prodúcese unha notable reducción en comparación co mes de xaneiro. Pasouse de 7 detencións no mes de inicio do ano, a tan só unha en febreiro. Porén, increméntase o número de persoas citadas para comparecer en xuízo rápido, con 13. En canto ao informe do Grupo Municipal de Intervención Rápida, os efectivos de Protección Civil teñen participado nun total de 97 emerxencias. Hai que mencionar a actividade desenvolvida con motivo do temporal Xynthia; ou a intervención nunha excarceración nun accidente na AG-55 (á altura de Punta del Este). Tamén se rexistrou un incendio urbano nunha cheminea.

Vandalismo

Por outra banda, a Garda Civil de Carballo vén de apresar na madrugada do luns a dous veciños do municipio, con idades de 18 e 20 anos, acusados de cometer actos de vandalismo. Segundo as forzas de seguridade, estas dúas persoas están implicadas pola queima de contedores no territorio municipal a partires das 4.00 horas, aproximadamente, destruíndo colectores situados en Ramil, parroquia de Rus; Figueira, parroquia de Sísamo; e Piñeiro, en Goiáns. Tamén son sospeitosos de queimar un contedor no municipio veciño de Coristanco. Segundo informou a Garda Civil, os dous detidos circulaban nun vehículo propiedade dun deles. O Concello de Carballo informa de que os danos causados no termo municipal están valorados entre os 1.200 e 1.300 euros. Por ese motivo, o Concello vai denunciar aos implicados para facer a correspondente reclamación de danos.

Compartir: