Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello conmemora o Día Mundial...

O DOMINGO 21 DE MARZO ÁS 12.00 HORAS

O Concello conmemora o Día Mundial Forestal coa plantación de acivros, loureiros e carballos

Xoves 18 de marzo do 2010

Conscientes dos beneficios que aportan as masas forestais e das ameazas ás que se ven sometidas, o colectivo Senda Nova pretende contribuír á pervivencia de especies autóctonas nos nosos bosques. Na actualidade son moitos os factores que están a pór en perigo a superficie arborada do planeta (extracción de madeira con diferentes fins, incendios, contaminación, degradación do solo, liberación de espazos para cultivos, gando, construcións, infraestruturas, etc.). Fronte a isto, atopámonos cos múltiples beneficios que obtemos das árbores: materia prima, regulación hidrolóxica e climática, protección e enriquecemento do solo, fogar e alimento a numerosas especies, purificación do aire.

O Concello, a Asociación Fontesalgueira, Senda Nova e o CEIP Bergantiños queren espertar, con este acto simbólico, o interese polas pequenas accións que poden contribuír a mellorar a situación pola que están a pasar as masas forestais. Nesta ocasión, faise dándolle un fogar a estas árbores e co compromiso de velar polo seu axeitado desenvolvemento, pero hai outras moitas cousas (que roldan en torno ás 3 'R': Reducir, Reutilizar e Reciclar) que tamén hai que ter presentes no día a día. Trátase de sumar esforzos e non caer na desesperanza. O Concello solicita a colaboración dos veciños e veciñas, non só neste acto, senón en todas as accións destinadas a conservar o medio ambiente, e que se engloban baixo o epígrafe de Carballo Limpo. A recollida selectiva de lixo e o Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, así como a campaña 'Sácalle o aire' son só algunhas das claves para axudar a manter limpo o Concello e a colaborar na conservación da natureza.

Compartir: