Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Aula Municipal de Teatro de Carballo representa...

VENRES 19 E SÁBADO 20 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

A Aula Municipal de Teatro de Carballo representa 'A ruleta rusa', dirixida por Artur Trillo

Mércores 17 de marzo do 2010

'A ruleta rusa' conta, con ritmo áxil, catro pequenas historias con certo aire burgués onde o humor e os cartos son algúns dos piares básicos, así como as inesperadas relacións que xorden entre moitos dos personaxes que aparecen enriba do escenario. As catro pezas breves de Chéjov supoñen un manancial de inesgotable teatralidade e non desmerecen en absoluto os textos máis longos deste coñecido autor do século XIX, famoso por obras como 'A gaivota', ou 'As tres irmás', ou polos seus relatos curtos. Con 'A ruleta rusa', o público poderá desfrutar do potencial dramático e traxicómico dun grande mestre da ironía. Trátase dunha aposta sinxela a nivel formal, pero complexa na construción dos distintos personaxes.

A Aula de Teatro Municipal de Carballo está dirixida por Artur Trillo, coñecido polo público por ser á súa vez o director da compañía ceense Talía Teatro e por ter visitado o Pazo da Cultura en numerosas ocasións ben como actor, ben como director ou autor. Estarán en escena os 18 integrantes da Aula de Teatro, persoas de entre 20 e 50 anos que, na maior parte dos casos, participan por primeira vez nunha produción teatral: Olga Amigo, Ana Barca, Celia Bello, Rebeca Blanco, María Boado, María Caamaño, Marcos Casás, Carmen Cotelo, Rosalía Fernández, Charo Figueiras, Sergio García, Mon Lendoiro, Víctor Lorenzo, María J. Martínez, Paca Pacheco, Antón Rodríguez, Manuela Rodríguez e Magda Seoane. Todos eles conforman unha aposta polo teatro afeccionado na primeira Aula Municipal carballesa, que naceu co obxectivo de ofrecerlle aos veciños e veciñas unha oportunidade de ver o teatro desde dentro e de darlle máis pulo aínda á actividade teatral da vila. Para obter máis información sobre a reserva de invitacións, os interesados e interesadas poden chamar ao 981 704 300.

Compartir: