Inicio Carballo ao día Hemeroteca As instalacións deportivas teñen...

XUNTANZA DO CONSELLO REITOR DO PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL

As instalacións deportivas teñen incrementando en 914 -un 36 por cen- o seu número de abonados respecto a 2009

Xoves 18 de marzo do 2010

No que respecta aos datos de funcionamento das piscinas municipais en 2010, a 16 de marzo téñense contabilizado 30.000 accesos ás instalacións, e iso tendo en conta que a Piscina Vila de Noia non abriu até o 18 de xaneiro. Así mesmo, hai que subliñar que nestes momentos as piscinas contan con 1.321 cursillistas. Neste apartado, aprobáronse novidades, como a posta en marcha proximamente de Cursos de natación para bebés, de matronatación (para mulleres embarazadas), e tamén de Aquafitness. O Padroado ten aprobado un desconto dun 60 por cento (até o de agora era dun 50) para os abonados no prezo dos cursos, ademais de asignar un baremo de prioridade nas listaxes de espera para poder efectualos. Así, terán preferencia aquelas persoas empadroadas en Carballo e os abonados con máis antigüidade, podéndose acumular un máximo de 10 puntos.

No que respecta ao regulamento dos prezos de uso das instalacións deportivas, o Padroado engade a posibilidade de alugar os campos de fútbol municipais do Complexo das Eiroas, xa que até o de agora só se podían alugar os pavillóns. Poderase acadar o uso das instalacións para Fútbol 7 e Fútbol 11. Neste último caso, por exemplo, a tarifa por unha hora sen luz é de 25 €, e de 40 € con dereito a empregar os focos. O Padroado conxela os prezos dos abonos das piscinas, mantendo os 20 € para o abono familiar e os 15 € para o individual, pero aumenta os prezos da entrada con ticket para a Piscina Vila de Noia, sendo de 2 € para xoves; de 3,5 € para adultos; e de 2,5 € para maiores.

O obxectivo de todas estas medidas, como a regulación da situación dos empregados do Padroado coa RPT ou o ordenamento dos prezos e usos das instalacións deportivas, é o de "consolidar este organismo como xestor do deporte municipal e ofrecer mellores servizos a todos os cidadáns", segundo explica o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Estas modificacións deben ser ratificadas no pleno ordinario que se celebra o próximo 29 de marzo. Segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, estas medidas están orientadas a "fidelizar aos abonados" e a facilitar o uso de todas as instalacións.

Compartir: