Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello apagará as luces durante unha...

CAMPAÑA MUNDIAL 'A HORA DO PLANETA'

O Concello apagará as luces durante unha hora o sábado 27 de marzo para promover o aforro enerxético

Martes 23 de marzo do 2010

En 2009, uns mil millóns de persoas de 4.159 cidades dun total de 88 países, incluíndo 73 capitais e nove das dez cidades máis poboadas do mundo, uníronse a 'A hora do planeta', apagando as luces dos seus monumentos e edificios máis representativos como símbolo fronte ao cambio climático. Permaneceron a escuras as Pirámides de Giza, o Cristo Redentor de Brasil, Times Square en Nova Iork, o Coliseo de Roma ou a Torre Eiffel, en París. No caso de España, tamén escureceron os edificios máis sinalados da xeografía nacional, como a Porta de Alcalá, de Madrid; a Sagrada Familia, en Barcelona; a Xiralda de Sevilla; o Acueducto de Segovia ou a Mezquita de Córdoba. En total, 200 cidades de todo o país pertencentes ás 52 capitais de provincia seguiron 'A hora do planeta' en 2009.

Para que as vilas adopten o acordo tan só é necesario cubrir un formulario na páxina web de WWF/Adena, subscribir unha carta de adhesión á iniciativa e apagar as luces dalgún monumento sinalado durante a hora designada. Tamén existe o compromiso por parte dos concellos de difundir o apagón e de tentar reducir as emisións de dióxido de carbono na vila en cuestión. No que respecta á colaboración cidadá, quen queiran poden apagar as luces e os electrodomésticos das súas vivendas o sábado 27 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas; introducir nos seus fogares as bombillas de baixo consumo; asinar por que os líderes mundiais atopen un acordo firme para a protección do medio ambiente na próxima cumbre de México ou difundir a campaña entre familiares e coñecidos. As empresas tamén poden participar paralizando a súa actividade enerxética á hora sinalada.

Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar a páxina web de WWF/Adena: <www.wwf.es>.

Compartir: