Inicio Carballo ao día Hemeroteca A traxedia de 'A Esmorga' e os...

VENRES 26 E DOMINGO 28 DE MARZO

A traxedia de 'A Esmorga' e os monicreques de Trompicallo enchen o programa dos Venres Culturais para a fin de semana

Xoves 25 de marzo do 2010

A novela 'A Esmorga' convértese en teatro da man de Ánxeles Cuña, transmitíndonos a esencia absoluta da vida e da morte. Constrúe un espectáculo impactante arroupado por unha impoñente escenografía, unha coidada iluminación e vestiario e música en vivo que lle confiren grande plasticidade. 'A Esmorga' é unha traxedia aceda e cruel de tres homes marxinais e marxinados que ao longo de vintecatro horas deambulan polos arrabaldes da cidade de Auria. Perseguidos pola xustiza e baixo a choiva e o frío da noite, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, atopan o seu desafogo no alcohol, no sexo e na violencia. Recoñecida como unha das compañías máis consolidadas de Galicia, Sarabela Teatro leva vintenove anos de traballo e compromiso coa realidade, vinte deles como compañía profesional. Na súa traxectoria figuran máis de trinta produccións, tanto para adultos como para nenos, e numerosos premios, como o Premio María Casares entregado onte ao mellor espectáculo de 2009.

O domingo é a quenda para os máis cativos e cativas maiores de 3 anos coa compañía Títeres Trompicallo e o seu espectáculo 'Violeta Coletas contra as salchichas gulp!'. Trompicallo comeza o seu traballo en 1996 e na actualidade é unha das referencias do teatro de monicreques galego, participando en numerosos festivais nacionais e internacionais. As súas creacións son innovadoras e conxugan técnicas clásicas con novas formas de expresión e comunicación co público. Nesta obra contan a historia de Violeta, a quen non lle gustan as acelgas e que querería comer salchichas todos os días. Tampouco lle gusta estudar nin que súa nai lle dea ordes e preferiría ver a televisión todos os días. Pronto descubrirá que os desexos poden facerse realidade. A mestura de diferentes técnicas de monicreques compoñen un espectáculo dinámico e divertido, cunha sorprendente escenografía e coa colaboración do artista plástico Quique Bordel.

Os interesados e interesadas en reservar as entradas poden facelo no 981 704 300, e tamén na taquilla do Pazo dende dúas horas antes do comezo de cada espectáculo.

Compartir: