Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación da nova...

ADSCRICIÓN DO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA AO PADROADO

O pleno aborda a aprobación da nova normativa de uso das instalacións deportivas e os seus prezos públicos

Venres 26 de marzo do 2010

O pleno de marzo tamén implica a adopción de acordos económicos, como dous recoñecementos extra xudiciais de crédito, un do Concello e outro do Padroado Deportivo Municipal. No primeiro caso, conta cun importe de 871.000 euros, e inclúe o abono de facturas que non foron pagadas na anualidade de 2009. No caso do Padroado, trátase dunha factura de 2009, pero que non se rexistrou até 2010 e ascende a 2.849 euros en concepto de reparación de edificios e instalacións municipais. No aspecto económico, hai que subliñar tamén a aprobación da Conta de recadación do Concello do exercicio 2009. Así, o pasado ano cobráronse preto de seis millóns de euros no período voluntario e máis de 230.000 euros no período executivo de cobro, sumándose, co engadido doutros conceptos, un total de 6.872.431,30 euros de recadación municipal.

A corporación abordará, así mesmo, a disolución da mancomunidade de municipios de Bergantiños. Trátase dun organismo que nunca chegou a entrar en funcionamento, pero polo que o Consello de Contas solicita cada ano a xustificación de gastos. Nestes momentos, ten unha conta aberta cun capital de 275,3 euros que serán entregados á Fundación polo Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños unha vez que a entidade desapareza. Cada concello da comarca aprobará en pleno nas próximas semanas a disolución da mancomunidade. Por último, a sesión abordará as retribucións do persoal laboral en situación de incapacidade temporal. Tamén está incluída na orde do día unha proposta de acordo sobre naves industriais e outras edificacións sen licenza de chan rústico, a pesares de que non se someterá á consideración do pleno por existir xa un acordo respecto a este tema.

Compartir: